Friday, June 03, 2005

 

Noticia sobre a lingua

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou a campaña informativa sobre os resultados educativos e culturais do goberno Fraga no relativo ao idioma galego. O Presidente da Mesa, Carlos Callón, insistiu en que os datos manexados “non son unha valoración ou suposición da Mesa senón que son datos do Instituto Galego de Estatística e do Mapa Sociolingüístico”. Estes datos negativos para o noso idioma evidencian a deixadez de funcións institucionais e do incumprimento sistemático das súas obrigas por parte da Xunta de Galiza no relativo á lingua que nos une.

A política lingüística do Partido Popular foi, para o idioma galego, un fracaso pensado e buscado. Despois dos mandatos de Manuel Fraga Iribarne non poden mostrar resultados favorábeis porque non os teñen. A política do goberno galego nestes anos é equiparábel na súa incompetencia á practicada noutros ámbitos.

O desacerto e a ineptitude coa que nos gobernaron fixeron que se perdese presenza pública da nosa lingua en moitos campos e que se acelerase a ruptura da transmisión entre xeracións. Bo exemplo desta “nefasta política” é o ralentizado Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado no Parlamento galego o ano pasado e do cal non se aplicou nin unha soa medida.

Analizados e vinculados datos económicos con datos lingüísticos, vemos como Cataluña e Euskadi lograron afortalarse nestes anos, facendo progresar as súas economías e as súas linguas propias. Galiza, no mesmo período, agrandou a súa distancia económica con Cataluña e Euskadi, ao mesmo tempo que sufriu perdas históricas para a súa lingua propia.

Existe outro xeito de ver e tratar o principal sinal de identidade de Galiza. Precisamos de políticas comprometidas e eficaces que muden a desfeita realizada polo actual goberno.

Nesta campaña informativa, A Mesa distribuirá 20.000 cartaces e 50.000 autocolantes co lema: A AUTÉNTICA POLÍTICA EDUCATIVA E CULTURAL DE MANUEL FRAGA IRIBARNE: A MAIOR PERDA DE FALANTES DE TODA A HISTORIA DO GALEGO PRODUCIUSE DURANTE OS SEUS MANDATOS.

Sacado da páxina "amesanl.org"
Comments: Post a Comment

<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?